Consideracións de urxencia relativas á Oferta de Emprego do persoal estatutario do Sergas 2020

 

CONSIDERACIÓNS DE URXENCIA RELATIVAS Á OFERTA DE EMPREGO DO PERSOAL ESTATUTARIO DO SERGAS 2020

   

ANTECEDENTES

O pasado 20 de outubro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa comparecencia ante o Parlamento de Galicia, anunciou que o Consello da Xunta aprobará antes de finalizar este ano 2020 unha oferta de emprego público de 973 prazas para persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

O titular da carteira de Sanidade lamentou, como xa o anticipou o 31 de xullo de 2020 Alberto Núñez Feijóo na XXI Conferencia de Presidentes Autonómicos, que non se poidan alcanzar as 3.500 prazas ofertadas este ano, que eran as que se poderían contemplar, asegurou, se o Goberno de España levantase a limitación imposta pola taxa de reposición nos Presupostos Xerais do Estado (PXE) vixentes.

Neste senso, hai que ter en conta que a Consellería de Sanidade, separándose do criterio das ofertas de emprego da Administración Xeral do Estado, Xunta, Concellos, Universidades e dos Servizos de Saúde da maioría das Comunidades Autónomas, non considera a posibilidade de ofertar de xeito separado e paralelo as prazas da quenda libre e as de promoción interna.

Cómpre lembrar que as prazas de quenda libre están dirixida ao persoal de novo ingreso e aos estatutarios temporais, co obxectivo de iniciar a súa prestación de servizos ou afianzar os seus postos de traballo; mentres que as prazas de promoción interna están reservadas a aqueles que, tendo a consideración de estatutarios fixos, pretenden exercer o seu dereito á carreira profesional.

   

CONSIDERACIÓNS

Desde o Centro Galego de Estudos In.fórmate cremos firmemente no fortalecemento daquelas medidas que aseguren un emprego estable e de calidade, sendo claves, nesta liña, as decisións dos nosos gobernantes que permitan maximizar aquelas ofertas de emprego público en sectores prioritarios de actividade como resulta ser a sanidade pública.

Consideramos, polo tanto, que é imprescindible que este Goberno se sensibilice nesta materia, como así parecía desprenderse das declaracións do presidente da Xunta e do conselleiro de Sanidade e permita, simplemente mediante a aplicación do previsto no vixente artigo 19 da Lei 6/2018, de 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018, unha ampliación das 973 prazas, coa separación na oferta de emprego que se anuncia, das prazas de quenda libre das de promoción interna. Deste xeito, o número de postos ofertados podería aumentar ostensiblemente e cubrir polo menos en parte as necesidades dun colectivo duramente castigado polas penosas circunstancias derivadas da pandemia. No apartado 7 do mencionado artigo 19 dos PXE vixentes na actualidade e que se mantén no anteproxecto de Orzamentos para 2021 que o Goberno aprobou no Consello de Ministros do 27 de outubro de 2020 establécese que “non computarán dentro do límite de prazas derivado da taxa de reposición de efectivos as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna e os correspondentes ao persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial”.

Pretendemos así, pór en valor a principal razón que motiva a existencia dunha oferta de emprego público, que obedece a cubrir aquelas necesidades de recursos humanos que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, tanto derivadas da quenda libre como do de promoción interna. Así o entende a Administración Xeral do Estado nas súas ofertas, a última correspondente ao 2020, aprobada e publicada no BOE o 29 de outubro, a propia Xunta nas súas ofertas de persoal funcionario e laboral e os Servizos Sanitarios de Comunidades Autónomas como, por exemplo, o SERMAS da Comunidade de Madrid, SAS de Andalucía ou o SACYL de Castela e León, que veñen asegurando a existencia de ofertas independentes para ambos os colectivos.

Con todo a Consellería de Sanidade  desde a publicación da Lei 6/2018 aprobou dúas ofertas de emprego público correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde:

  • OEP 2018 Decreto 161/2018, de 13 de decembro, DOG núm. 239, de 7 de decembro de 2018 e

  • OEP 2019 Decreto 30/2019, de 14 de marzo, DOG núm. 62, de 29 de marzo de 2019

e nos dous Decretos faise caso omiso do mencionado apartado 7 do artigo 19 da Lei 6/2018, é dicir, nos Anexos de relación de prazas ofertadas non se separan as prazas de novo ingreso das de promoción interna o que obriga a regular no artigo 5 dos Decretos 161/2018 e 30/2019 a promoción interna: “con carácter xeral reservarase un 50 por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría para a súa provisión polo sistema de promoción interna”.

Como consecuencia desta forma de proceder da Consellería de Sanidade, as prazas de promoción interna, que poden alcanzar o 50 por cento do total das prazas ofertadas, computan na taxa de reposición coa consecuente diminución do total de prazas.

   

CONCLUSIÓNS

Polo anteriormente exposto, solicitamos:

  • que Alberto Núñez Feijóo, como presidente da Xunta de Galicia, encargado de dirixir e coordinar a acción do Goberno autonómico;

  • que Julio García Comesaña, como conselleiro de Sanidade, responsable máximo da actuación do Servizo Galego de Saúde e garante da tutela xeral da saúde pública;

  • que José Flores Arias, como xerente do Sergas, responsable entre outras funcións da xestión do persoal deste organismo;

  • que os grupos parlamentarios de PPdeG, BNG e PSdeG, como representantes dos galegos no Parlamento de Galicia, controladores da acción executiva da Xunta; e

  • que os sindicatos con representación maioritaria no ámbito sanitario, CIG, CSIF, UGT E CCOO, como parte activa nos foros e mesas de negociación coa Administración, como representantes dos traballadores e defensores dos seus dereitos e como defensores dunha maior calidade institucional dos nosos organismos públicos para que garantan o interese xeral;

insten á Consellería de Sanidade a que considere que os efectivos de prazas de persoal estatutario que se oferten para a súa provisión mediante procesos de promoción interna non computen dentro do límite de prazas derivado da taxa de reposición, e en consecuencia, oferte de maneira separada e independente as prazas da quenda libre das de promoción interna. Deste xeito, ampárase aos diferentes colectivos que pretenden ou ben acceder á función pública ou ben progresar dentro da mesma.


news-botón

pagina anterior pagina siguiente

Quiero recibir el boletín para estar informado!

He leído y acepto la política de privacidad.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación.

Política de cookies