Borrador de las bases de la Convocatoria de Guardacostas- Xunta

26/07/16

Proxecto de Orde do .................... de 2016 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia

(Información facilitada pola Dirección Xeral da Función Pública)

De conformidade co establecido no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 10 de marzo) esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

  1. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir vinte (20) prazas do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, polas quendas de promoción interna e acceso libre. O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a cinco (5) prazas.

O número de vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a quince (15) prazas.

As prazas reservadas ao sistema de promoción interna que non se cubran, acumularanse á quenda de acceso libre.

Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: acceso libre e promoción interna. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídos/as nas listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídos. No seu caso, as aclaracións ou correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de admitidos.

I.1.2. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante TRLEBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as aos procesos selectivos os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente convalidación ou da credencial que acredite, no seu caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

1.2.1.3. Pertencer como funcionario/a de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C2 da Xunta de Galicia (corpo auxiliar ou corpo de auxiliares de carácter técnico).

1.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos na condición de persoal funcionario/a nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C2 da Xunta de Galicia (corpo auxiliar ou corpo de auxiliares de carácter técnico) desde o que participen, durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigo 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.1.6. Estar en posesión ou en condicións de obter a Libreta Marítima.

I.2.1.7. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.8. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

  1. a) Ter a nacionalidade española.

  2. b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

  3. c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

  4. d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter o título de bacharel ou técnico.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente convalidación ou da credencial que acredite, no seu caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir da clase B.

I.2.2.5. Estar en posesión ou en condicións de obter a Libreta Marítima.

I.2.2.6. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.7. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.3. Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen á escala de funcionarios obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que esixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real Decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das

persoas con discapacidade, e no Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

  • Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en

que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes á data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que non está a

percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

  • Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial:

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

 Pagamento electrónico:

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático CIXTEC no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de peroas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

 I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos esixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

  1. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test, máis cinco (5) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha delas será a correcta, correspondentes á parte común e específica do programa.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de temas que integran o programa.

As persoas aspirantes procedentes da quenda de promoción interna estarán exentos neste exercicio da parte común do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora e trinta (30) minutos.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar no que se realizou e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas esixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao .................................................

II.1.1.2. Segundo exercicio.

Os/as aspirantes deberán realizar tres probas de aptitude física de carácter eliminatorio cada unha:

  • Primeira proba: subida escala de vento. Subir e baixar 5 m en sesenta (60) segundos.

  • Segunda proba: carreira de 1.000 m nun tempo máximo de seis (6) minutos para o homes e seis (6) minutos e trinta (30) segundos para as mulleres.

  • Terceira proba: proba de natación. 50 m no estilo elixido polo aspirantes nun tempo máximo de noventa (90) segundos o homes e cen (100) segundos as mulleres.

O tribunal, en consideración ao número de aspirantes convocados, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

Os aspirantes deberán presentarse á realización das probas coa roupa e calzado que consideren adecuados e cun certificado médico médico oficial expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba deste exercicio, no que se faga constar que o/a aspirante reune as condicións físicas precisas para a realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión do aspirante do proceso selectivo.

Para a proba de natación os aspirantes utilizarán traxes de baño (que achegarán eles mesmos) e do modelo que desexen. Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e axudas para a flotabilidade e/ou o incremento da velocidade de calquera tipo.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto.

A súa execución será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audivisual algún porque puidera afectar á súa seguridade, ao dereito á intimidade persoal e á propia imaxe dos intervinientes na mesma.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Deberán contestar por escrito 20 preguntas sobre as materias contidas na parte específica do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora e trinta (30) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal o suposto práctico no que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio.

Os/as aspirantes deberán resolver por escrito un suposto prác­tico relacionado coas seguintes materias:

  1. Levantamento de actas por infraccións de pesca e marisqueo

  2. Recoñecemento de especies mariñas.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas e trinta (30) minutos.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos, dos cales, 15 puntos adxudicaranse á parte relacionada co levantamento de actas por infraccións de pesca e marisqueo e 5 puntos á parte relacionada co recoñecemento de especies mariñas. Para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal o suposto práctico no que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.5. Quinto exercicio.

Os aspirantes deberán realizar con aproveitamento un curso para a obtención do certificado de suficiencia de mariñeiro de ponte da Marina Mercante, que organizará e impartirá a Consellería do Mar.

O curso valorarase coa cualificación de apto ou non apto e terá unha duración de 60 horas.

As características concretas de desenvolvemento do curso selectivo serán desenvolvidas oportunamente mediante norma específica.

Unha vez rematado o curso o tribunal, á vista da proposta motivada que formule o seu director, declarará aptos ou non aptos aos distintos aspirantes.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o o certificado de suficiencia de mariñeiro de ponte da Marina Mercante ou o título de mariñeiro de ponte da Marina Mercante.

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o terceiro exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.1.6. Sexto exercicio. Constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos esixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o cuarto exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das/os opositoras/es iniciarase alfabeticamente pola/o primeira/o da letra «S», de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2015 (DOG núm. 28, do 11 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 13 de xaneiro de 2015 da Consellería de Facenda (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2015.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores. Quedan exceptuados os exercicios segundo e quinto nos que a súa propia natureza así o impide.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba da que se trate e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da Consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/A presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán aos que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/A presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados. Quedan exceptuados os exercicios segundo e quinto nos que a súa propia natureza así o impide.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores aos que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que estime pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3. as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito Decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1. implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

  1. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

Posto que na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

- Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

- Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

- Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

- En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

  1. A) Fotocopia compulsada do título esixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa convalidación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

  2. B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

  1. C) Fotocopia compulsada do permiso de conducir da clase B en vigor exixido na base I.2.

  2. D) Fotocopia compulsada da Libreta Marítima en vigor exixida na base I.2.

  3. E) Recoñecemento médico para embarque coa cualificación de apto e en vigor.

IV.3. Os que tiveran a condición de funcionarios de carreira da administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición.

IV.4. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos esixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública que se publicará  no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1

De acordo co disposto no artigo 80 da LEPG, as persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna tomarán posesión da praza que viñeran desempeñando con carácter definitivo, cando esta, de conformidade cos requisitos esixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por funcionarios/as pertencentes aos corpos e escalas a que accedan.

IV.7. A toma de posesión das/os aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

  1. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela,

Valeriano Martínez García

Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia

Parte xeral

  1. A Constitución Española de 1978: Estrutura e contido. Os valores superiores. Os principios constitucionais. Dereitos fundamentais e liberdades públicas, a súa garantía e a suspensión.

  2. A organización territorial do Estado. Organización constitucional do sistema autonómico. Distribución constitucional de competencias entre o Estado e as Comunidades Autónomas. A Administración Local.

  3. O Estatuto de Autonomía de Galicia: Estrutura e contido. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

  4. A organización institucional da Comunidade Autónoma de Galicia. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente. A Administración de Xustiza en Galicia.

  5. A Administración autonómica. A organización da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entidades instrumentais do Sector Público Autonómico.

  6. O ordenamento xurídico da Unión europea. Eficacia directa e primacía do dereito comunitario. Dereito orixinario e derivado. As institucións da Unión Europea. Composición e atribucións. As competencias da Unión Europea.

  7. O dereito administrativo. As fontes do dereito administrativo. O acto administrativo. Revisión dos actos administrativos. Recursos contra os actos administrativos. O procedemento administrativo común: fases.

  8. Dereitos dos cidadáns nas súas relacións coas Administracións Públicas. A información e a atención ao cidadán na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa

  9. A responsabilidade patrimonial da Administración. O réxime xurídico no sistema español. Responsabilidade de autoridades e funcionarios. Responsabilidade das administracións públicas por actos dos seus concesionarios e contratistas.

  10. Os contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Elementos. Clases. Preparación, adxudicación e formalización. Execución e modificación. Extinción.

  11. O persoal ao servizo da comunidade autónoma de Galicia: clases e normativa de aplicación. Adquisición e perda da relación de servizo. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos. Situacións administrativas.

  12. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. Ficheiros de titularidade pública. Réxime sancionador.

  13. Políticas de Igualdade de Xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: Disposicións xerais. A transversalidade. A erradicación do uso sexista da linguaxe. As condicións de emprego en igualdade na Administración pública galega. Medidas de conciliación e corresponsabilidade no emprego público. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: medidas de sensibilización, prevención e detección. Dereitos das mulleres vítimas da violencia de xénero.

  14. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a organización Mundial da Saúde. O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade. Dereitos. Especial consideración do dereito á vida independente de de participación en asuntos públicos. Igualdade de oportunidades e non discriminación.

Parte específica

1.- O Convenio de Nacións Unidas de Dereito do Mar. Augas interiores. Delimitación das augas interiores de Galicia. Mar territorial. Zona económica exclusiva. A plataforma continental. Alta mar.

2.- Dominio público marítimo-terrestre. Dominio público marítimo, zonas e tipos de navegación.

3.- Código de conduta de pesca responsable. Competencias en materia de pesca de la UE, el Estado y la CCAA de Galicia. As áreas FAO e CIEM.

4.- A Consellería do Mar: a administración pesqueira en Galicia.

5.- O Servizo de Gardacostas de Galicia. Estrutura, escalas, funcións e competencias.

6.- A Lei de Pesca de Galicia.

7.- A lei de Pesca do Estado.

8.- Tamaños mínimos de captura e comercialización de peixes, crustaceos, moluscos e equinodermos. Normativa comunitaria, española e galega.

9.- Descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños. Transporte e comercialización dos moluscos bivalvos. Importacións. Inmersión de especies na CCAA de Galicia.

10.- Plan xeral de explotación marisqueira. Plans experimentais.

11.- Permisos de explotación. Rexistro de actividade. Alternancia de artes. Cambios temporais de modadlidade. Establecemento e cambio de porto base.

12.- Establecementos de cultivos mariños e auxiliares: clasificación por razón da súa natureza e función. Normas de inspección y control.

13.- Organizacións pesqueiras: confrarías de pescadores e as súas federacións. Organizacións de produtores.

14.- Artes e aparellos en augas interiores de Galicia: Artes e aparellos de anzol. Artes e aparellos de enmalle. Definicións, tipos e normativa.

15.- Artes e aparellos en augas interiores de Galicia: Artes e aparellos de cerco. Tipos e normativa legal.

16.- Artes e aparellos en augas interiores de Galicia: Artes e aparellos de arrastre. Tipos e normativa legal.

17.- Artes e aparellos en augas interiores de Galicia: Nasas, artes remolcadas ou haladas a man. Tipos e normativa legal.

18.- Artes e aparellos en augas interiores de Galicia: Artes dedicadas á captura de moluscos, equinodermos e crustáceos. Artes de marisqueo a pé e desde embarcación. Rastros remolcados e equipas subacuáticos. Tipos e normativa legal.

19.-Pesca deportiva. Modalidades e normativa legal.

20.- Infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros. Sancións. Procedemento sancionador. Prescrición das infraccións. Lexislación autonómica.

21.-Réxime de control para a conservación e protección dos recursos pesqueiros. Normativa comunitaria e estatal.

22.- Caderno diario de pesca, declaración de desembarco e declaración de transborda da UE. O DEA (diario electrónico de a bordo). Códigos e normas para a súa cumplimentación.

23.- As embarcación de pesca e auxiliares en Galicia. Límites de potencia para embarcacións, arqueos mínimos de nova construción. Os despachos das embarcacións pesqueiras, documentación regulamentaria.

24.- Os portos. Concepto e clasificación. Réxime xurídico. Portos da Comunidade Autónoma de Galicia. Tarifas.

25.- Modalidades de pesca: arrastre, cerco e artes fixas autorizadas en augas exteriores do caladoiro Cantábrico-Noroeste. Normativa estatal e comunitaria.

26.- Abandeiramento, matriculación de buques e rexistro marítimo.

27.- A trazabilidade dos produtos da pesca.

28.- Normativa sanitaria que afecta ós moluscos bivalvos e ós peixes. Zonas de producción e zonas de reinstalación na Comunidade Autónoma de Galicia.

29.- As mareas vermellas. Control do medio mariño en Galicia. Redes de mostraxe.

30.- A inspección: procedementos, informes de inspección, as actas, documentos anexos, a mostraxe, medios audiovisuais, as escalas de embarco. Medición das artes de pesca.

31.- Titulacións náuticas e marítimo-pesqueiras e de mergullo profesional. Requisitos, atribucións.

32.-A pesca ilegal, non declarada e non documentada (INDNR). Regulación.

33.-A política pesqueira da Unión Europea.

34.- Accidentes de navegación, remolques, auxilios, salvamentos, naufraxios e afundimentos, réxime das extraccións marítimas. Normativa.

35.- A contaminación mariña, prevención e loita. Normativa internacional, nacional e autonómica.

 

                                                                                     ANEXO II

Don/Dona ...., con domicilio en ..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, que non se atopa inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos , o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ...,...de...2016

 

news-botón

pagina anterior pagina siguiente

Quiero recibir el boletín para estar informada/o!

He leído y acepto la política de privacidad.

USO DE COOKIES

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar su experiencia y nuestros servicios, así como mostrarle, desde nuestro sitio web o los de terceros, publicidad basada en el análisis de sus hábitos de navegación.

Política de cookies